A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 19: reparación do KERS

Veña que xa quedou atrás o tempo do turrón, seguro que xa tes algunha data marcada en vermello no almanaque, xa miraches se tes que pedir algún día no traballo e seguro que en nada baixan de prezo as cubertas novas que queres poñer. Así que, todo en orde, imos seguir aquí co que che interesa…

…seguimos a falar da vía metabólica dos fosfáxenos, aquela que traballa cando apertamos sobre as bielas ó máximo e a cal imos traballar de xeito moi específico de modo que será importante respectar ese principio básico da ESPECIFICIDADE no adestramento. Xa cho contaba cando falabamos dos “mecánicos alostáticos” nos fascículos 9 a 12 pero convén lembrar aquí que se queremos traballar todo a un tempo, á hora de recuperar, cando baixes a persiana dese taller que levas dentro e eses mecánicos queiran comezar a traballar para que acades algunha adaptación ó adestramento… coitadiños! non van saber por onde comezar.

Dito isto, e como ben sei que me vas facer caso, jeje… o que vas facer o día no que traballes este “motor KERS” vai ser o máis semellante ó traballo de forza nun ximnasio… tal cual! a intensidade durante os curtos intervalos será máxima, as recuperacións amplas e o resto do adestramento extremadamente suave. Deste xeito os “mecánicos” pola noite non van ter dúbidas de cal foi a parte á que lle deches caña nin de a que van ter que atender.

O combustible é totalmente diferente. Non vas ter que repoñer unha grande cantidade de hidratos de carbono como noutras ocasións, aquí fundamentalmente vas gastar ATP e FC ademais de producir pequenos danos nas fibras musculares. Aquí vai ser moi importante a materia prima que teñas a disposición dos “mecánicos”, que van precisar tempo e proteína… aquí as pezas non veñen de Alemaña.

Respecto do tempo terás que ter precaución e non facer dous adestramentos deste tipo consecutivos, convén que deixes un par de días entre medias, e se fas traballo de forza no ximnasio terás que telo tamén en conta nesta recuperación. É importante telo en conta porque o día seguinte pola mañá non vas estar fatigado como outras veces, pero o “chapista” vai estar aínda coas mans na masa.

En canto á proteína podes atopala na carne, nos ovos e no peixe ou ben de orixe vexetal nas legumes… estou a falar de comer, non de batidos nin “troscadas” desas, que ben sabemos os dous que despois te enches a Phoskitos. Habemos profundar máis na alimentación cando cheguemos a esa parte, porque coñecer os alimentos e manter bos costumes á hora de comer é algo de obrigado cumprimento para calquera deportista.

Pronto publicarei un fascículo especial no que resolveremos algunhas dúbidas, non esquezas enviar as túas ou ben propoñer algún tema no contacto que che queda abaixo. Continuamos a vindeira semana…

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Foto: Erosky consumer

Publicar un comentario

0 Comentarios