A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 21, cambio de tercio

Xa toca cambio de tercio!
Recapitulamos: comecei explicándote que che ía contar o meu xeito persoal de comprender o adestramento deportivo e que o ía facer dende a perspectiva das distintas vías metabólicas, os distintos modos que ten o teu organismo de obter enerxía dependendo da intensidade do exercicio, e que terás comprobado que o veño facendo empregando un símil “motorístico” dende o cal che explico que contas con tres motores diferentes. A pesar do que poida parecer xa viches que esta visión non é mecanicista e trata de integrar todo canto acontece no teu organismo ó longo do tempo.

Podo falarche de que contas con tres motores pero non imos ignorar que non son máis que modos de obter enerxía, o teu organismo é moito máis complexo e dentro del podiamos falar de múltiples sistemas, órganos e reaccións que fan del un marabilloso e completo sistema complexo imposible de aprehender… pero A NAVALLA DE BOTIS busca simplificar o máximo posible todo o coñecemento co que contamos a día de hoxe e respectando os principios básicos do adestramento deportivo levalo ó teu día a día con algo de orde.

Dito isto, vou introducir hoxe a vía metabólica do glicóxeno e o primeiro que che quero contar é que para min funciona como un motor de inxección, pero non como un motor calquera: é un motor Honda V-Tec. Tranquilidade se non che gustan os coches, verás que doado e que rápido comprendes o por que…

A finais da década dos 80' o fabricante xaponés revolucionaba o mercado con un motor de inxección capaz de acadar cifras nunca vistas nun motor atmosférico e o que máis chamaba a atención desta máquina era que podía traballar en dous modos segundo se lle fose esixido dende o acelerador… mira! Igualiño que ti cando consumes glicóxeno. Ves? Sigo…

O V-Tec funciona con 8 válvulas nada máis ata que o motor comeza a xirar a un determinado réxime de revolucións, a partir do cal entran en acción un total de 16 válvulas poñendo un enorme potencial sobre o asfalto e aumentando tamén abruptamente o consumo, claro… exactamente igual funciona a glicólise para aportar enerxía cando pedaleas: podes ser moi eficiente queimando glicóxeno mentres aportas suficiente O2 e seguir empuxando moito disparando o “consumo” a partir de determinada intensidade, á cal chamamos umbral anaerobio, FTP, VT2, potencia crítica… todos termos moi utilizados, que adoitan empregarse indistintamente e que rondan esta intensidade da que che falo… pero ten en conta que todos marcan fitos fisiolóxicos diferentes. Nesta intensidade é onde o teu motor V-Tec acciona a electro válvula para ser quen de entregar todo o seu potencial. Entenderás que este punto é importante e imos dar moitas voltas arredor del…

Aquí tes un V-Tec de Honda en acción:

Agárdote no vindeiro fascículo para seguir profundizando neste novo apartado que a bo seguro che vai gustar, non en van é co motor que máis traballas na bici.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios