A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 26: Umbrais, desmontando mitos (parte II)

Recapitulamos rapidamente e lembramos que estamos a falar dos métodos que podes empregar para achar os teus umbrais e ó mesmo tempo poñer algo de luz sobre o que nos din estes datos e, sobre todo, que non nos din.

Despois de repasar no último fascículo un par de métodos baseados na frecuencia cardíaca vou agora con un par deles máis:

Test de campo de 20'. Entre os usuarios de potenciómetro popularizouse enormemente dende a publicación de “Correr y entrenar con potenciómetro” de Allen e Coogan, e como todas as cousas que se popularizan en exceso deu lugar a serios malentendidos. Un dos máis estendidos nace da confusión do resultado deste test co propio valor que os autores denominan “umbral de potencia funcional” UPF (FTP nas siglas en inglés) e que nun principio propoñían como a potencia máxima que o deportista podía manter de xeito constante durante unha hora (aínda que este valor xa foi revisado polos autores). Enfrontando simplemente a potencia máxima que podes manter en 20' de test coa que podes manter en 60' (UPF) da unha clara idea da magnitude do erro ó que pode dar lugar esta confusión.

O caso é que do resultado dun test máximo de 20' proponse que poidas estimar a potencia que poderías manter durante 60' (imaxina a marxe de erro aquí entre distintos individuos), deste UPF parte despois unha nova estimación de toda unha serie de zonas de adestramento entre as cales se estimarían tamén os teus umbrais… non digo que probes a que che voten as cartas, pero…

Ciclo - ergómetro con gases. Vou introducir tamén un test de laboratorio, realizado nun ambiente controlado no que se controlan en tempo real un feixe de variables fisiolóxicas no que, neste caso si, se detectan especificamente o momento e intensidade ós que acontecen no teu organismo aqueles cambios internos que diciamos que supuñan o feito de ir pasando dun “motor” a outro… e pódese dicir que se establecen con grande precisión os momentos onde acontecen estes cambios durante a proba… durante a proba… quere dicir isto que ó día seguinte eses cambios se van producir do mesmo xeito? Vanse comportar do mesmo xeito a nivel do mar que a 1.500m? (isto seguro que o tes claro) Vai ser o mesmo en función da temperatura, humidade…? En función da fase do ciclo menstrual si es muller? Vai ser o mesmo cando padezas un catarro? …e ó longo de 5 horas de exercicio? Vai valer unha proba feita en xaneiro cando chegues ó verán en plena forma?

Precisamente adestramos para que estes valores cambien… asi que temos claro que van mudando ó longo do tempo. Logo por que te segues aferrando a que o teu umbral está en tal ou cal número?

Unha das partes que considero fundamentais na evolución dun deportista é a súa educación como tal, no seu entendemento do que acontece no seu organismo a cada momento, na percepción das sensacións durante o adestramento. Non se trata de que o deportista sexa quen de “adiviñar” a cantos vatios vai, trátase de traballar no deportista a capacidade de identificar se as súas sensacións ese día se corresponden coa intensidade do adestramento.

Imaxinas ter unha app desas que pretenden predicir o teu rendemento a futuro, desas que miden as túas constantes e che din se hoxe é un bo día para “apertar” ou non, unha app que che poida confirmar se o adestramento está seguindo o camiño agardado… e que funcione de verdade!? Pois existe! E chámase “deportista educado”.

Cando escoitas falar de que un determinado profesional adestra “por sensacións” non debes caer no erro de pensar que “fai o que lle peta”, estanche a falar dun deportista capaz de identificar por si mesmo a que intensidade fisiolóxica se está a exercitar, poñer iso en contexto, comparalo coa “intensidade mecánica” e facer unha valoración ó seu adestrador.

Un exemplo: imaxina un deportista que contrae unha infección vírica, algo que pode supoñer un importante contratempo en determinados momentos, e que o pode ter parado ó mellor un par de días, pero o noso deportista é capaz de advertir ó seu adestrador de que algo non vai ben un par de días antes de que se manifesten os síntomas.

Non é maxia! É unha capacidade que che propoño que comeces a traballar, escoita ó teu corpo antes que ós teus aparatos…

No vindeiro fascículo algunha novidade neste sentido…

Lémonos aquí e saudámonos na Estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Proba de esforzo de Jenson Button
Fonte: Vitónica

Publicar un comentario

0 Comentarios