Prometin falarche dunha novidade. Poida que o sexa para ti, ou non, pero o xeito no que che propoño empregar esta ferramenta si que o vai ser, seguro. Imos por partes:
Nos últimos tempos ven cobrando un desmesurado protagonismo un parámetro fisiolóxico: a variabilidade da frecuencia cardíaca VFC (ou HRV polas súas siglas en inglés). Comezando polo concepto este parámetro semella gardar relación directa coa activación do sistema nervioso central SNC, isto é: co teu nivel de alerta; que terá relación directa co estres metabólico, fatiga, recuperación...
Dúas ideas para tratar de deixalo claro:
1. Que o teu corazón funcione a 60 ppm non quere dicir que se estea a contraer unha vez cada segundo. Eses latexos non están separados todos polo mesmo fragmento de tempo, uns son máis amplos e outros máis curtos, sinxelo, non si? Pois este fragmento de tempo (a diferente magnitude entre os máis curtos e os máis longos) é indicativo do nivel de alerta do teu sistema nervioso a cada momento, un parámetro moi a ter en conta porque vai ser bo indicativo de si estás recuperado, fatigado, incubando unha enfermidade, etc.
2. E para entender esta relación un símil: imaxina unha fábrica na que os traballadores dunha mesma liña de montaxe deben apertar unha media de 60 parafusos nunha hora. Todos os traballadores pelexan polos postos máis afastados do lugar onde se sitúa o encargado porque alí poden falar i enredar ocasionalmente que con tal de teren apertado 480 parafusos ó final da xornada poderán “ir en paz”. Os postos máis vixiados, por contra, non son tan desexados porque a mirada do encargado supón unha constante tensión… neses postos os traballadores, máis tensionados, tenden a mecanizar máis o seu traballo pola presión e buscar a exactitude deses 60 p/h.
Ó igual que os traballadores da fábrica o teu corazón tende a “mecanizar” máis o seu traballo cando se ve presionado polo SNC, en situación de esforzo, estres, enfermidade… e abandona esa tendencia cando se ve libre de presión en condicións de recuperación, reparación e descanso.
Toda unha serie de publicacións leva xa Marco Altini dende que presentou o seu primeiro artigo sobre a VFC e seguro que coñeces a alguén que usa a app HRV4trainning (ou algunha semellante) para rexistrar a diario este parámetro como indicador de carga / recuperación. Persoalmente, e polo de agora, creo que non aporta moito máis alá do que faría por exemplo a FC basal rexistrada tamén diariamente. Pero vouche propoñer algo máis alá…
Actualmente en versión beta (en fase de proba), podes utilizar de xeito gratuíto unha app desarrollada por Luisma Gallego e Íñogo Tolosa (AlphaHRV) coa que acadaron monitorizar o comportamento da VFC en tempo real no teu Garmin. O sistema é complexo, pero a partir dun tratamento logarítmico a app amosa na pantalla (e no resumo da actividade) un valor que vai variando ó longo do adestramento. O propósito dos creadores é que sirva, unha vez rematada a evolución da idea, para poder monitorizar como evolucionan os umbrais do deportista case que instantaneamente (isto non sería exactamente asi e hai moita literatura ó respecto dunha métrica na que se esta a traballar aínda).
Creo que como todos os avances tecnolóxicos nesta materia sempre lle faltará algo, porque o adestramento é máis un arte, unha obra de artesanía na que a man do artista sempre vai deixar o seu selo xunto co traballo diario. Pero creo firmemente que sí pode ser útil xa naquela “educación” do deportista da que che falaba o último día. O parámetro que amosa a app en tempo real amosa un comportamento errático por veces pero é bastante fiel á realidade cando te aproximas ó primeiro umbral e reacciona a todo tipo de cambios no estado de forma, fatiga, estres persoal, enfermidade, etc… sen máis complicacións que botar un ollo á pantalla de cando en vez.
Tes aí un posible primeiro paso para traballar aquela capacidade de valorar as sensacións que diciamos que teñen os deportistas de elite, aquela capacidade que pode axudar a identificar as sensacións reais relacionadas coa intensidade á que está a traballar o teu organismo e o momento de sobre pasar ese primeiro umbral que pode que ser digna de aproveitar. Pensa que Stephen Seiller (o pai do adestramento polarizado) afirma que o adestramento debe incluír o 80% dos días de adestramento por debaixo deste punto, logo a ferramenta estaríache a arranxar o 80% dos teus problemas.
Non é a panacea; é unha ferramenta que considero útil para que poidas identificar o mellor posible unha determinada intensidade que marca un punto importantísimo na túa carga de adestramento e tampouco coincide totalmente coa proposta dos autores.
Si queres experimentar e non che quedou algo claro non dubides en enviarme as túas consultas, este espazo é reducido de máis para che dar todos os detalles de como che aconsello o seu uso.
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com
Podes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario