A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 38. Unha nova visión

Nos dous últimos fascículos faleiche de “desaprender” e “volver comezar”. Isto é porque xa debullamos cada unha das vía metabólicas (os motores) nas que se adoita dividir o funcionamento do teu organismo para darmos sentido ás infinitas reaccións, sinerxias e adaptacións que se producen nel no proceso de adestramento e que son de todo inaprehensibles para nós. Podemos dicir que fixen unha simplificación esaxerada para termos unha base sobre a que comezar pero quería escenificar esa simplificación de maneira visual e fíxeno dun xeito que sei que che gusta, con debuxos meus feitos a lapis.

Primeiro gráfico: así puidera ser como che veño esquematizando o funcionamento do organismo. Así de simple resulta por exemplo para quen che dí en videos dun minuto que a "X intensidade" melloras o consumo máximo de osíxeno e a "Y vatios" fas un traballo neuromuscular.


No segundo debuxo vemos unha gráfica semellante a algunhas que podes atopar en distintas publicacións na rede, nela expoño a groso modo como vai variando o aporte enerxético de cada vía metabólica a medida que aumenta a intensidade. Utilízase bastante pero adoece dun grave sesgo: como relaciona o aporte das distintas vías en porcentaxes fai que pareza que algunha vía metabólica deixa de traballar para deixar paso a outra, e afirmar iso é unha falacia.


Na terceira gráfica plasmo o que sería o aporte neto de cada vía. Eliminamos o sesgo das porcentaxes do caso anterior e vemos como as distintas vías metabólicas non van alternando entre elas no aporte de enerxía, o que fan é ir aportando máis e máis na medida que lle imos demandando. Cada unha dentro das súas capacidades.

- Indefinidamente?


Pois para responder aquela pregunta poñemos ó noso deportista fictício nun rodillo á intensidade en vatios á que lle temos estimado aproximadamente ese consumo máximo de osíxeno e imos obter algo parecido a isto:


Analizando os distintos marcadores que se adoitan utilizar veriamos como o aporte da vía lipolítica seguiría a ser constante (o motor Barreiros nunca deixa de tirar) a enerxía aportada polo glicóxeno subiría rápidamente ata chegar ó seu máximo aporte facendo unha especie de meseta para comezar a baixar ós poucos minutos, momento onde ante a falta de capacidade desta vía comezaría a aportar con maior predominancia a vía dos fosfáxenos, porque o noso deportista ten moita vontade e non quere ver baixar a cifra dos vatios na pantalla.

Pero isto son test de laboratorio. Que pasaría nunha carreira? Pois quixen debuxar noutra gráfica unha carreira máster, na que logo da neutralizada e uns quilómetros planos o noso deportista sae a un cambio de ritmo no que se trata de facer sen éxito unha fuga e xa na parte final se sube un pequeno porto no que fai un esforzo grande para entrar ben colocado, súbese rápido e vólvese facer unha selección nos últimos 500m. Nunha última zona favorable vai pasando ós relevos no pequeno grupo que se fixo en cabeza para non ser apañados por atrás. De novo un forte cambio de ritmo para entrar enfilados na recta de meta e o sprint final.


Parece complexo. Pois ben, na pasada semana contábache como creo que o teu organismo asemella bastante a un restaurante (se o perdeches é bo momento para lle botar un ollo). Esas colaboracións son constantes no organismo e as distintas partes e sistemas van adaptando o seu funcionamento e xerando sinérxias en cada momento segundo as demandas do esforzo que lle esixes. É moi doado de observar a nivel biomecánico: aquel corredor que no inicio do porto pedaleaba cunha clase descomunal nos últimos metros parece que se nos vai descagallar por algún sitio en calquera momento. Está compensando debilidades que van xurdindo pola fatiga, “quitamos persoal dunha parte do restaurante para que axude na que ten máis apuro”. Por iso, o primeiro que fai e baixar a cadencia, as contraccións máis prolongadas propician que entren en xogo máis fibras musculares, ponse máis de pés, tira dos riles, pega "chepazos". Sería ridículo pensar que sinerxias deste tipo non acontecen a outros niveis, aínda que non sexan tan obvias, ou incluso imposibles de demostrar. Isto daría unha gráfica da carreira como a que che debuxo a continuación:


Respectei as mesmas cores para cada vía metabólica. Ves como van entrando en acción con máis ou menos intensidade segundo demandemos máis ou menos enerxía e o propio organismo vai repartir o “persoal do restaurante” segundo se vaia presentando o traballo. Non é o mesmo “montar unha mesa para catro” a primeira hora que facelo ó final do servizo cando a “louza se acumula enriba da barra”.

Seguiremos ás voltas sobre isto…

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
    www.bts-rs.com
    ●Strava: Botis BTS - RS
    ●Facebook: Botis Bts - rs
    ●Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
    ●bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios