A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 39, depende...

Depende…

5' a 110% do FTP sirven para mellorar o VO2Máx.

50 RPM (cadencia) para traballarmos a forza.

Seguro?


Afirmacións categóricas deste tipo podes atopalas en páxinas de gurús de internet onde afirman ter “receitas” máxicas para acadar o máximo rendemento. Para apoiar tales afirmacións chegan incluso a mostrar datos de estimación (ES-TI-MA-CIÓN) indirecta como os que ofrecen WKO ou Training Peaks que, como é de pago, xa fai proba da evolución do consumo máximo de osíxeno dun deportista, asi sen análise de gases, nin lactato, nin nada.


Non dubido en absoluto da eficacia deste xeito de comunicar a efectos de marketing, dende logo, os seres humanos manexamos mal a incertidume. Dende os homes do tempo até os oncólogos falan en porcentaxes para que unicamente nos agarremos a un número, sirvan como exemplo ambos.

Colle calquera desas receitas, elaboradas con potencia, frecuencia cardiaca, velocidade, VAM… o que corresponda no teu caso, e pensa en cambiar calquera dos restantes condicionantes: ambientais, nutricionais, estado de recuperación ou de saúde e calquera outro que se che ocorra. Todos eles van influenciar sobre as adaptacións que poidas acadar como froito desa “receita” e ademais vano facer dun xeito que descoñecemos totalmente… do mesmo xeito que descoñecemos como o vai influenciar a “receita” mesma. Esta afirmación non lle vai gustar a ningún deses “vendedores de crece-pelo” do século XXI, pero obviamente non se van preocupar polo que eu che escriba aquí. Foi John Keily no seu artigo “Periodization Theory: Confronting an Inconvenient Truth” (Periodization Theory: Confronting an Inconvenient Truth | SpringerLink) quen foi quen de falar do “elefante que había na habitación”

Defender a superioridade de modelos de adestramento predeterminados, dí Keily, “só sería posible se os seres humanos respondesen ó estrés do adestramento de xeito predicible (...) a evidencia contemporánea mostra claramente que esta posición xa non é defendible dende o punto de vista lóxico”. No seu traballo mostra como adestramentos moi distintos producen adaptacións moi similares do mesmo xeito que adestramentos idénticos producen adaptacións moi diferentes en distintos suxeitos. E isto cómo se explica? Pois se volves comigo á metáfora do restaurante (A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 37, volver comezar?) cando hai acumulación de tarefas na cociña un xerente vai botar man dalgún dos camareiros de sala mentres outro poderá facelo do da barra ou ben de quen estea a servir as mesas da terraza… outro se cadra vai el mesmo poñer un mandil.

John Keily ven de afirmar que as “receitas” non dan resultado.

Imos ver isto, e como falamos de “receitas”, segundo a RAE: “procedimiento adecuado para hacer o conseguir algo” debemos ser conscientes e non deixarnos levar ó engano desta xente que trata de eliminar a incertidume das nosas vidas tratando de quitar tallada coñecedores da nosa debilidade e asumir e aceptar esa incertidume como parte da nosa viaxe.

Receitas son as predicións meteorolóxicas que asumen modelos semellantes a WKO, Training Peaks, etc; para decidirmos se podemos dar sulfato.

Receita tamén son as estatinas…

Receita era a da Talidomida…

Non temos a menor idea dos efectos desas "receitas", un mesmo adestramento pode mellorar unha capacidade, resultar inocuo ou mesmo empeorala. Quere isto dicir que non debemos agardar resultados da planificación nos adestramentos? Para nada!

Unha "receita" é unha receita: o que che dá o médico para aliviar un sintoma. Pero saúde é outra cousa: cambio de hábitos, comida saudable, relacións sociais…

Non sabemos, nin de lonxe os efectos da "receita", pero non perdas a ilusión porque o que sí sabemos é que os procesos de adaptación existen. Algunha vez lle deches a man a un home que anda ó mar? Non ten o mesmo tacto que a do tipo que che vendeu o coche, non sí?

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
    www.bts-rs.com
    ●Strava: Botis BTS - RS
    ●Facebook: Botis Bts - rs
    ●Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
    ●bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios