A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 24, identifica os teus umbrais

Aquí vos veño falando do meu xeito persoal de comprender o adestramento deportivo, hoxe vou comezar con algo que a todos nos atrae especialmente porque adoita ser unha das partes máis atractivas no adestramento: chámalle intervalo, chámalle serie… vou comezar forte porque me gustan as cousas claras:

23 fascículos semanais e un total de 6 meses lévoche falando sobre adestramento deportivo e aquilo ó que adoitamos limitarnos na nosa percepción sobre o carácter do adestramento aínda non o tratei… un día, hai uns meses déuseme por facer esta infografía:


O adestramento interválico non só ten unha importancia limitada dentro da totalidade de factores que afectan ó rendemento e do resto de actividades e estimulos que debes buscar nos teus adestramentos, o certo é que se non prestas a atención que merecen estes outros estímulos o traballo interválico non vai dar os froitos agardables. Para cho facer máis visual: xa que sempre che falo deses “mecánicos” que deben traballar na túa máquina despois de cada adestramento… sabes ese Ford Fiesta con aleróns e pegatina de TURBO? pois máis ou menos.

E despois de che botar a moral polo chan este pouco vou tratar de centrar un pouco o tema para termos claro de que imos falar nos vindeiros fascículos…

Imos falar fundamentalmente de capacidade aeróbica, isto é, da capacidade do teu organismo de xerar enerxía empregando o osixeno que lle aportas coa respiración e esta capacidade vai vir marcada por dous fitos que modulan o seu funcionamento segundo a intensidade, estou a falar dos umbrais. Da igual como lles queiras chamar, de que xeito os calcules ou o método que utilices para rexistrar os teus adestramentos, o realmente importante debería ser tratar de aprender a identificalos durante o esforzo. A medida que avanza a tecnoloxía e temos máis ferramentas á nosa disposición son menos os deportistas capaces por sí mesmos de identificar en que intensidade se están a exercitar nun momento preciso e este había de ser o punto de partida básico para calquera persoa que pretenda “ADESTRAR”.

O primeiro umbral determina o momento aproximado no que o teu “motor Barreiros” xa non dá abasto e comeza a precisar axuda (vímolo aquí: A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 6: Desmontando un deportista. Capítulo II: o motor Barreiros) e tamén vimos un xeito de identificalo “polas bravas”. O que nos importa é que a partir dese nivel de intensidade o teu organismo bota man de outro motor o cal vai deixando xa materiais de refugallo que vai haber que ir eliminando.

O segundo umbral sitúase arredor desa intensidade na que eses materiais de refugallo se acumulan no teu organismo, o primeiro síntoma é que a túa respiración comeza a acelerarse para dar eliminado o gas carbónico. Se lembras o fascículo onde che introducía esta vía metabólica da glicólise (aquí: A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 21, cambio de tercio) podemos dicir que é o punto onde se activa a electro - válvula deste “motor V-tec”: sube a temperatura, o consumo, os gases tóxicos a eliminar… en definitiva, a fatiga…

E tí? Es quen de identificar a que intensidade te exercitas sen necesidade de algún aparello?

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios