A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 28, anímate a facelo mellor (motivos)

Despois de che falar a pasada semana dunha ferramenta que penso pode ser útil, relativamente simple e che pode saír gratis (AlphaHRV) téñoche que lembrar que os restantes métodos para poñer ese “limitador no teu motor” son igualmente válidos (aqueles que vimos nos fascículos 25 e 26). Moitos dispositivos incluso teñen a posibilidade de poñer alarmas que avisan de cando te pasas da intensidade que lle indicaches.

Por que fago fincapé nisto?, porque é fundamental. Se recapitulas comigo, alá polo fascículo 9 comezaba a falarche do teu “equipo de mecánicos” que reparan e melloran a túa “máquina” despois de cada adestramento valorando os “danos” que lle fixeches e que precisan traballar coa persiana do taller totalmente baixada… asi recuperamos dos adestramentos e asi se producen as adaptacións que buscamos co adestramento.

Cando divides correctamente os adestramentos entre o que é simplemente acumular horas tranquilo por un lado e por outro todos aqueles esforzos que van supoñer “traballo” para os teus “mecánicos”, estes van ter ben claro na súa “folla de traballo” as reparacións a realizar. Cando non respectas debidamente esta separación os pobres van querer atender a todo, non van ser quen de rematar as tarefas, vas saír minguado no teu rendemento no vindeiro adestramento e a túa saúde acabará véndose afectada tamén.

Outra parte importantísima do adestramento é facelo divertido… e ben sei que indo tan amodo non é sinxelo. Mais compre lembrar que cando te decidas a apertar vas notar que levas gas, o que non fuches tirando en cada repeito (e máis a medida que pasen as semanas) e aí si te vas divertir, vas mellorar o teu rendemento e tamén a túa saúde. Como curiosidade quédache abaixo unha revisión de estudos que analiza a fisioloxía dos atletas máster e o freo que supón a actividade física de resistencia intensa fronte ós efectos da idade… incluso a idades moi avanzadas.

Na parte da diversión e potenciación dos teus adestramentos… veremos en vindeiros fascículos xeitos de empregar ferramentas gratuítas como Strava e o seu enorme potencial para adestrar e mellorar mentres nos divertimos e sen gastar un peso.

Bota un ollo ás conclusións do estudo Valenzuela PL, Maffiuletti NA, Joyner MJ, Lucia A, Lepers R. Lifelong Endurance Exercise as a Countermeasure Against Age-Related. V˙O2max Decline: Physiological Overview and Insights from Masters Athletes. Sports Med [Internet]. 2019 Dec 24 [cited 2020 Feb 6]

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Foto: Robert Marchand - Fonte: diariodesalud.com

Publicar un comentario

0 Comentarios